Sunday 28 de April de 2024

O Pleno de Oroso aproba unha redución do 0,9% nas taxas polo subministro de auga e polo servizo de sumidoiros


O Pleno municipal de Oroso aprobou unha redución do 0,9%, de acordo co IPC interanual, das taxas polo subministro de auga e polo servizo de saneamento. Dúas propostas que saíron adiante cos 7 votos a favor de PSOE e BNG, as 4 abstencións do PP e o voto encontra de Son de Oroso-Anova.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explicou que “en Oroso facemos unha fiscalidade responsable e a nosa presión fiscal está por debaixo da media galega e moi por debaixo da media española”. Así, as tarifas que se aplicarán dende o 1 de xaneiro de 2016 polo subministro de auga quedan do seguinte xeito: Aboados domésticos: 0,37191104 €/m3 (de 0 a 10 m3/mes) e 0,4687561 €/m3 (máis de 10 m3/mes); e Aboados industriais: 0,37191104 €/m3 (de 0 a 10 m3/mes) e 0,54688211 €/m3.

No caso do servizo de sumidoiros, os prezos para aboados do servizo de auga serán: aboados domésticos, 0,32472344 €/m3 (de 0 a 10 m3/mes) e 0,40921913 €/m3 (máis de 10 m3/mes); no caso dos aboados industriais, o prezo será de 0,32472344 €/m3 (de 0 a 10 m3/mes) e de 0,47811584 €/m3 (máis de 10 m3/mes). A cota trimestral para os aboados só ao servizo de saneamento será de 9,74950285 euros/trimestre. Por cada limpeza de fosa séptica o prezo será de 38,9980113 euros.

Debate das propostas

O BNG apoiou ambas propostas, logo de preguntar se o Concello aplicaba algunha bonificación a persoas en risco de exclusión social. Manuel Mirás confirmou que “nos casos de emerxencia, e previo informe dos Servizos Sociais, mesmo se condona o recibo”. Pola súa banda o voceiro do PP xustificou a súa abstención en que “nos parece ben a rebaixa do 0,9%, pero se pode facer unha rebaixa maior” e citou dous municipios da comarca que teñen uns prezos inferiores aos de Oroso. Ademais, Alexánder Doval insistiu en que “a Xunta e o Goberno están optando por baixar os impostos”.

O alcalde de Oroso respondeu expoñendo un por un os prezos dos municipios da comarca, demostrando que “a auga no Concello de Oroso está na media. Poderíamos facerlles caso e baixar algo máis a taxa, pero iso suporía non poder dar todos os servizos que lles ofrecemos aos nosos veciños. Nós somos responsables e non imos poñer en perigo a sostenibilidade do Concello”. Así mesmo, negou que a Xunta estea baixando impostos e taxas: “se a Xunta baixa os impostos, por que non baixa o canon da auga? Porque de 20 euros da taxa, 9 son para o canon da auga”.

Unha liña argumental que tamén seguiu o voceiro municipal socialista, Antonio Leira, quen asegurou que “os impostos no Concello de Oroso están nunha media óptima e iso permite dar servizos de calidade aos cidadáns. En 2009 tivemos un canon da auga que representa máis dun terzo do prezo do servizo da auga. É dicir, que 1 de cada 3 euros do recibo son para o pago dese canon. Sen embargo non se fixo ningún investimento con este cartos no concello de Oroso. E estamos falando dunha cantidade importante”.

Finalmente, o voceiro de Son de Oroso-Anova, Siverio Mirás, pediu que ambos puntos quedaran sobre a mesa debido á subrogación do contrato da empresa concesionaria noutra firma. O alcalde, despois de corrixir ao voceiro (que se equivocou no nome da nova empresa), someteu a votación a proposta, que foi rexeitada ao obter unicamente o voto favorable do propio Siverio Mirás.